Ir o contido principal

Preto de 200.000 euros para saneamento e abastecemento en Larín

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publicou hoxe na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia a licitación das obras de saneamento e abastecemento nos núcleos de Areal, Pedroso e Coque, na parroquia de Larín, en Arteixo, por un investimento de case 176.000 euros.

As empresas interesadas na execución destas actuacións, cun prazo duns tres meses, poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 10 de xullo.

Os traballos consistirán na execución dunha rede de fecais cunha lonxitude total de 1.546 metros de tubaxe. Esta constará de dous colectores principais e dous secundarios, que recollerán os vertidos das vivendas situadas a ambas marxes da estrada AC-552 para conducilos á estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Groba.

A rede de abastecemento terá unha lonxitude de 933 metros, que se conectará coas tubaxes existentes. Instalarase un grupo de presión para alcanzar a cota máxima de 253 metros que é á hai que dar servizo.

Cómpre lembrar que as obras licitadas hoxe veñen a sumarse a outro proxecto de mellora de saneamento e abastecemento noutros núcleos desta parroquia de Larín, concretamente en Larín de Arriba, Salto do Carro e Groba de Abaixo. Para este último contrato, o Goberno galego xa recibiu as ofertas dun total de 10 empresas.

A Xunta asegura que con estas actuacións, dáse resposta ás necesidades en infraestruturas hidráulicas desta parroquia, que está a rexistrar unha crecente actividade turística, polo que é precisa a ampliación de servizos básicos, como o abastecemento e o saneamento