Ir o contido principal

Maribel Otero, a Arteixá campiona de España de Hockey Sala

 

Hai unha fotografía que se está a converter nunha verdadeira icona do Arteixo dos 50. Falamos dunha imaxe tomada no Monte da Penouqueira na que podemos apreciar o pouco que tiña que ver a vila do Bolaños daquela hora coa de hoxe. No primeiro plano desa imaxe aparece unha moza da Baiuca de trece anos. Trátase de María Isabel Otero Iglesias, máis coñecida polo apelativo de Maribel, unha muller que, andando no tempo, convertiríase na primeira arteixá que conseguiría, formando parte do Santa Lucía da Coruña, ser campiona de España.

Imaxe de Maribel Otero nos anos 50 no monte da Penouqueira

 

Todo empezara oito anos despois de tomar aquela foto no monte da Penouqueira. Maribel era, por aquel entón, unha fermosa señorita de 21 primaveras que empezara a traballar en Isolux, a empresa na que permanecería ata a súa xubilación. A nosa protagonista tiña alí unha compañeira que xogaba ao hóckey, deporte que esta abandonaría por motivos familiares e, ao facelo, propúxolle a Maribel que ocupara o seu lugar no equipo..."na miña vida oira falar de tal deporte; e cantos momentos bos pasei grazas a él".

O hóckey herba tivera os seus inicios na Coruña nos anos 30 grazas a un grupo de mozas da burguesía herculina, capitaneado por Maruca Allones, que tiveran o empuxe e o apoio suficientes para formar en 1933 o primeiro equipo feminino da cidade coruñesa: o Ártabro Hóckey Club. A Guerra Civil acabaría coa aquela efervescencia do deporte do stick e non sería ata os anos 50 cando voltaría a rexurdir con forza grazas ao Saeta, un cadro herculino que tamén conseguiría títulos a nivel estatal en herba e sala, as dúas modalidades do hóckey. E xa nos 60 sería o Centro Cultural Deportivo Santa Lucía a entidade que mantivo en auxe esta disciplina, que precisamente sería o equipo ao que chegaría Maribel trala proposta da súa compañeira de traballo.

 

Maribel Otero, primeira pola dereita da fila inferior, e Ana del Río, segunda pola esquerda da superior, formando parte do Sta. Lucía de hóckey herba

 

As casualidades da vida farían que alí, no Santa Lucía, se encontrase con Ana, unha amiga da infancia que era filla de Carlos del Río Troche e Laura Doldán Rivas, matrimonio que levara a administracción do Balneario de Arteixo desde finais da década dos corenta ata 1962, e tamén con Ana Pardo, unha rapaza de orixe arteixá xa que a súa avoa paterna e seu pai, que era curmán da nai de Maribel, vivían na capital do noso municipio. A parte de Ana del Río e Ana Pardo, outras xogadoras do Santa Lucía foron Elena, Marita Rey, Nela Souto (estas tres chegarían a ser internacionais), Mari Paca, Rosa Mari, Tita, Charo, Moncha Tilucha, Mucha, Daris, Fely, Fina, Lidia, Maru… unhas rapazas que naquela altura estiveran dirixidas por adestradores como Daniel Iglesias, Carlos Morán, José Luis Lago ou Chicho Faraldo e que, segundo nos contou Maribel..."con dous equipos de hóckey sala facíamos un de herba, pero iso sí, tiñamos que estar federadas nas dúas modalidades".

O Santa Lucía convertiríase, ata a irrupción nos anos 80 do Liceo, na primeira entidade deportiva da cidade da Coruña ao proclamarse campión de España de hóckey sala ata en cinco ocasións, éxitos acadados nas tempadas 1966/67; 67/68; 68/69; 70/71 e 71/72, ademais de ser subcampión na campaña 1969/70… un palmarés impresionante que, ao resto de equipos, resultáballes incomprensible comprender como o podían conseguir tantos éxitos consecutivos xa que só lle adicaban unhas horas de adestramento á semana e, por riba, nunhas instalacións pouco propicias como eran as dos colexios Eusebio da Guarda e Santa María del Mar.

Maribel Otero pouca ou ningunha importancia lle da ao conseguido naqueles bonitos anos da súa xuventude nos que o equipo do que formaba parte xogaba... "con alegría e deportividade, e ademais pasámolo moi ben nas viaxes que realizamos por boa parte de España". Mais, a pesar de que sempre intenta restarlle trascendencia ao seu exitoso pasado co stick, o certo é que foi a primeira muller de Arteixo que conseguiu, formando parte daquel Centro Cultural Deportivo Santa Lucía hoxe desaparecido, un título estatal no mundo do deporte. O feito de ser a primeira campiona arteixá e tamén unhas das pioneiras do mundo do deporte feminino, levaría ao Concello de Arteixo a renderlle, o pasado 8 de marzo, unha máis que merecida homenaxe nomeándoa, con motivo do Día Internacional da Muller, veciña do ano.

Maribel, abaixo a primeira pola esquerda, coas súas compañeiras na recepción oficial en María Pita trala consecución dun dos títulos que obtivo o Santa Lucía. No centro da fotografía aparece Demetrio Salorio, alcalde de A Coruña naquela altura