Ir o contido principal

Poboación

O municipio de Arteixo pertence ao partido xudicial da Coruña e dista 11 km da capital da provincia. Linda ao norte co Océano Atlántico, ao nordeste co Concello da Coruña, ao leste co de Culleredo, ao sur e sueste linda co Concello da Laracha e ao oeste, linda cos Concellos de Carballo  e da Laracha (hai unha pequena franxa pola banda de Corteo – Monteagudo- que linda co Concello Carballo) e finalmente volve lindar co da Laracha pola banda de Caión.

Por mor das súas relacións económicas e funcionais está relacionado coa Mancomunidade de Municipios onde se integran, ademais de Arteixo, os concellos de Sada, Oleiros, Abegondo, Bergondo, Culleredo, Carral e Cambre.

A súa superficie é duns 93,4 km2 e alberga dentro da mesma o Porto Exterior de Lagosteira. Lagosteira deriva do latín lacusta, variante do latín locusta ‘lagosta’, así que a súa denominación correcta segundo o seu étimo é LAGOSTEIRA.

Son trece as parroquias que o configuran: Armentón, Arteixo, Barrañán, Chamín, Lañas, Larín, Loureda, Monteagudo, Morás, Oseiro, Pastoriza, Sorrizo e Suevos. A día 29/09/2015 son 31.434 habitantes os que figuran no censo de poboación. Están moi poboados os núcleos de Arteixo, a capital,  e os de Vilarrodís e Meicende inseridos nas parroquias de Oseiro e Pastoriza respectivamente.

Até hai pouco tempo a capital municipal era A Baiuca pero no ano 2001 a Comisión de Toponimia de Galicia estableceu a denominación oficial de todas as entidades de poboación do territorio municipal de Arteixo e aprobou a solicitude presentada polas autoridades locais para asignarlle o mesmo nome de Arteixo á vila da capital do concello, correspondente á localidade historicamente denominada A Baiuca (Arteixo e Onte a Hoxe) .

 A partir dos anos sesenta a poboación deste municipio experimentou un notable crecemento por mor da construción do Polígono industrial de Sabón, que supuxo un cambio na súa dinámica económica que pasou de ser basicamente rural a sumarse ao sector terciario. Este revulsivo serviu de acicate para que moita xente nova se achegase a residir no municipio de Arteixo o que incidiu directamente no seu desenvolvemento económico e industrial.