Ir o contido principal

O Fondo Galego de Cooperación leva a Meicende o espectáculo "Ti tamén contas"

O Centro Cívico de Meicende acolle o 12 de marzo próximo un espectáculo a prol da solidariedade que está a percorrer concellos socios do Fondo Galego de Cooperación

Trátase dunha actividade desenvolvida en colaboación coa Área de Benestar Comunitario do Concello de Arteixo no que a compañía compostelá Tropa de Trapo mestura historias contadas con música en directo e obradoiros participativos para facer reflexionar ao auditorio, no mes en que se celebra o Día Internacional das Mulleres.

A sesión ábrese cos contos ‘O home feliz’, ‘A pelota’ e ‘Tumbé’, que permiten introducir cuestións coma o materialismo, o traballo infantil ou as catástrofes naturais. A seguir, debátese co público arredor da relación entre a abundancia e a felicidade, o consumo responsable ou a importancia da cooperación, sempre a través de dinámicas activas.

Ademais de Arteixo, a actividade pasou no último ano por Porto do Son, Barro, Corcubión, Pontedeume, Mugardos, Soutomaior, Boiro, Arteixo, Vilagarcía e Cambados.

A actividade estará aberta ó público infantil en xeral e as entradas estarán dispoñibles unha hora antes da actuación no Centro Cívico de Meicende.