Skip to main content

Rutas específicas encadradas no Turismo Científico

TurismoDesde o Concello de Arteixo, Concellaría de Promoción e Desenvolvemento, continúase coa realización de rutas específicas, encadradas no Turismo Científico. Unha iniciativa que comezou no ano 2016 e que neste 2018 continúa e se complementa con novas versións coma a que presentamos agora.

Tendo en conta que cada vez se viaxa con máis frecuencia tamén se descobren máis modalidades de Turismo, por exemplo o “Turismo Científico”. Unha opción para a que desde o Concello de Arteixo se está a abrir camiño.

Neste 2018 temos previsto realizar catro rutas inseridas no antedito concepto de Turismo científico. Dúas  na primavera e as outras dúas a principios do outono.

A súa temática enmárcase na Xeoloxía e na Arqueoloxía, materias que lle axudan aos viaxeiros a entenderen mellor o funcionamento da natureza e do medio que van visitar. Por exemplo saber que en Valvoco temos unha falla de desgarre, que na canteira de Barrañán temos o gabro á vista (cando o normal é que este mineral, de cor escura, estea nas profundidades da codia terrestre), praias fósiles en Barrañán e Sorrizo, Campo de Dobras en Campelo (pregamentos que son únicos nesta zona) ou unha furna circular na Punta da Torre.

Desta volta comezamos por un paseo arqueolóxico pola “Loureda Patrimonial”, paseo que foi conducido polo arqueóloga Puri Soto, continuamos en xuño co “Paseo Xeolóxico por Suevos” co xeólogo Xavier Barros co colectivo Olho de Sapo e, xa no outono, desenvolverase un Paseo que vai desde o Monte da Estrela en Monteagudo, discorrerá polo Camiño da Area até  o Castro de Castelo en Sorrizo e rematarase no mes de novembro co Paseo dos Ríos, Mares e Praias Antigas.

O que se pretende con estas rutas é poñer en valor os recursos singulares dos que dispón o Concello de Arteixo, desestacionalizar o turismo e divulgar o coñecemento científico para todos os públicos ao mesmo tempo que se goza do tempo de lecer; é outra proposta máis de turismo que non deixa indiferente a ninguén que teña curiosidade por descubrir o mundo que nos rodea.     

 

turismo xeoloxico