Ir o contido principal

Obras de abastecemento entre Vío Alto e Morás

O Consello da Xunta autoriza a sinatura do convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Arteixo para a execución das obras de mellora do sistema de abastecemento no concello, no tramo entre Vío Alto e Morás.

As actuacións, que supoñen un investimento de 4,1 millóns de euros, serán financiadas polo  Concello de Arteixo e executadas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia.

Este proxecto ten como obxectivo darlles resposta ás novas necesidades de abastecemento que ten este municipio coruñés derivadas do seu crecemento urbano e industrial.

O Goberno galego, mediante esta colaboración, busca garantir a subministración de auga en calidade e cantidade aos núcleos de poboación deste municipio, así como ao polígono industrial de Morás, localizado entre as parroquias de Santo Estevo e Santiago de Arteixo.

Neste sentido, os distintos estudos realizados conclúen a necesidade de reforzar o sistema de abastecemento municipal desde a rede no contorno do polígono de Vío, que se abastece desde o encoro de Cecebre.

Para que este reforzo sexa posible, prevese a execución na zona denominada Vío Baixo dun bombeo ata Vío Alto e a construción duns depósitos de regulación neste último punto.

As obras consisten na execución dunha condución de 5.120 metros, desde o novo depósito de Vío Alto ata o polígono de Morás, con dous puntos de subministración directa ao sistema municipal de abastecemento, un en Vilarrodís e outro en Sabón. Neste último inclúese tamén a conexión coa condución de enchido do depósito do parque empresarial de Morás.

Tal e como establece o convenio, Augas de Galicia supervisará o proxecto de obra e levará a cabo a contratación da execución, dirección e xestión das obras ata completar a  finalización e formalizar a entrega ao municipio.

Estas actuacións danlles continuidade ás proxectadas nun primeiro tramo polo Concello de Arteixo en colaboración con Emalcsa.

Dentro deste primeiro treito inclúese a instalación dun novo bombeo en Vío Baixo, un  depósito de 7000 m³ situado a carón do depósito de Vío Alto e a impulsión que comunica ambos.