Ir o contido principal

A Xunta inviste máis de un millón de euros na ampliación da AC-552

O delegado territorial da Xunta de Galicia e o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, mantiveron esta mañá unha reunión de traballo para supervisar o proxecto que acaba de licitar a Xunta de Galicia das obras de ampliación da estrada autonómica AC-552 ao seu paso polo Concello de Arteixo. Esta actuación afectará ao tramo que discorre entre os puntos quilómetros 9+000 e 9+650 entre a rotonda de acceso a factoría de Pescanova  e o enlace coa estrada DP-052.

As obras de ampliación da estrada teñen como obxectivo axudar a absorber o alto volume de tráfico que soporta na actualidade, así como mellorar a seguridade viaria na zona. Deste xeito, construirase un carril adicional, entre o local de As Rozas e a rotonda de Pescanova, para aqueles vehículos que se dirixan ao Polígono de Sabón. Esta ampliación tamén conlevará unha beiravía de 2,5 metros na marxe dereita, en sentido cara o núcleo de Arteixo. Esta actuación fará preciso construír novos muros de contención do terreo. 

O proxecto tamén contempla a construción dunha glorieta de 36 metros de diámetro exterior para a conexión da AC-552 coa estrada provincial DP-052, na travesía da Groufa. De igual xeito, renovarase e mellorarase a sinalización, balizamento e defensas e retranqueranse e reporanse, no seu caso, as infraestruturas da rede de drenaxe e do mobiliario urbano existente. O orzamento de contratación é de 1.683.345 euros, dos que 219.164,86 son para as expropiacións precisas para a ampliación.